Sunday 12 de May de 2024

A pasarela cuberta entre o CEIP Felipe de Castro e o polideportivo xa está operativa


 

A concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, agradece a colaboración da Consellería de Educación á hora de “favorecer a accesibilidade de todo tipo de persoas ao novo pavillón polideportivo de Bergondo”

A concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, vén de visitar as instalacións do CEIP Felipe de Castro, onde veñen de rematarse as obras de construción dunha pasarela peonil que conecta o colexio co polideportivo municipal de Bergondo. Unhas obras orzamentadas en case 100.000 euros e que contaron cunha achega de 90.000 euros por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A concelleira noiesa aproveitou para agradecer a colaboración da Xunta de Galicia á hora de acometer unha actuación que “favorecerá a accesibilidade de todo tipo de rapaces e rapazas ao novo polideportivo de Bergondo, construído durante a pasada lexislatura”. López Cierto estivo acompañada polo director do CEIP Felipe de Castro, Francisco Lires, quen aproveitou para expoñerlle algunhas necesidades do centro educativo. A concelleira tomou nota das peticións e comprometeuse a dar traslado das mesmas á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Unha actuación que se suma ás obras de rehabilitación integral, enerxética e funcional do colexio acometidas durante o pasado verán e que supuxeron un investimento de 670.000 euros. Uns traballos que permitiron acometer unha remodelación completa do edificio, onde se substituíu a cuberta do colexio, para garantir o seu illamento térmico e estanqueidade, ao tempo que se cambiaron tanto a carpintería exterior como todas as fiestras por outras que proporcionan un maior illamento térmico e acústico. A maiores, substituíuse todo o alumeado existente por novas luminarias LED, máis eficientes enerxeticamente.

“Se a estas obras de mellora integral do CEIP Felipe de Castro lle sumas os 150.000 euros achegados para a construción do polideportivo de Bergondo, estamos falando de que a Consellería de Educación leva investidos máis de 900.000 euros nos dous últimos anos en Bergondo”, destaca Mariola López.